Comedor
Cociña propia e menús adaptados e texturizados
En ASPACE Coruña ofrecemos menús elaborados na nosa propia cociña baixo estritos criterios sanitarios e dietéticos ás persoas con parálise cerebral dos tres centros, media pensión a Centro Educativo e Centro de Día, e pensión completa a Centro Residencial.
Dous son os nosos principios fundamentais: nutrición e alimentación segura, e para iso contamos con profesionais implicados tanto na asistencia ás persoas usuarias á hora para comer (necesidades de apoio, grao de autonomía, alteracións na deglución, crise epilépticas, problemas de conduta…) como na elaboración dos menús, seguindo as necesidades individuais de cada unha delas (dietas e/o modificacións na textura). O servizo de cociña elabora diariamente 12 dietas diferentes adaptadas a 7 niveis.
Alimentación texturizada
ASPACE Coruña puxo en marcha en 2018 o programa de alimentación texturizada, un tipo de técnica que permite ofrecer pratos que conservan o sabor, cheiro e aparencia do prato orixinal cunha textura segura para a persoa con parálise cerebral con problemas de disfaxia.
Así, todas as persoas con algunha dificultade na mastigación ou deglución poden gozar dun prato saboroso e seguro, sen fíos nin hebras, e adaptado ás súas necesidades tanto físicas como nutricionais. Esta iniciativa mellorou sen dúbida a satisfacción na alimentación das persoas con parálise cerebral da asociación, ofrecéndolles pratos máis seguros e saborosos.
Antes as persoas con disfaxia comían comida triturada, mesturando os alimentos nun puré no que se perdía o sabor e cheiro característico de cada alimento. En cambio, agora a alimentación texturizada permite que gocen da comida como os demais, sen renunciar a comer o que lles gusta e favorecendo a súa motivación, apetito e participación social.
En ASPACE Coruña a alimentación texturizada é froito dun traballo en equipo de Logopedia e Cociña, cunha valoración de cada unha das persoas con parálise cerebral e coa adaptación de todos os menús. Cada ano na asociación sérvense preto de 69.000 menús, dos que máis de 30.000 son texturizados. Na actualidade, desde cociña se texturizan as comidas, merendas e ceas.
Para achegar tamén a alimentación texturizada ás familias e a outras persoas e colectivos que o poidan necesitar, ASPACE Coruña elaborou un receitario de alimentación texturizada cunha completa selección de pratos sinxelos que poden facilitar a alimentación das persoas con problemas de disfaxia. Pódelo descargar aquí.
O gran valor e importancia que ten a alimentación texturizada foron recoñecidos polo Sergas, que en 2023 concedeu a este proyecto o Premio Innovación en Saúde pola súa mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral, sendo ademais un referente para entidades públicas e privadas de discapacidade e persoas maiores.
Tes á túa disposición estes documentos que poden ser de interese:
- Protocolo de detección e valoración da disfaxia
- Guía "Comer é máis que alimentarse"