Noticias
© ASPACE Coruña | 09/11/2021 | Visita do alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, a ASPACE Coruña.
O alcalde de Miño salienta a profesionalidade de ASPACE Coruña na atención de persoas con parálise cerebral
Vázquez Faraldo, na súa primeira visita á asociación, coñeceu os proxectos e servizos da entidade
09/11/2021 | Sada
ASPACE Coruña recibiu esta mañá a visita do alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, que acudiu acompañado por Yolanda Bello, concelleira de Servizos Sociais, para coñecer de preto todos os proxectos e servizos que a asociación presta a preto de 120 persoas con parálise cerebral.
Nesta primeira visita á entidade a presidenta de ASPACE Coruña, Mª Carmen Barreiro, o xerente, Ricardo Iglesias, e o presidente da Fundación ASPACE Coruña, Eulogio López, explicáronlle como creceu e evolucionou a asociación desde a súa creación por un grupo de pais e nais en 1977, un crecemento moi importante que permite que agora a asociación conte cunha ampla carteira de servizos repartidos en Atención Temperá, Centro Educativo, Centro de Día e Centro Residencial e máis de 100 profesionais.
O alcalde de Miño, que percorreu os diferentes centros e foi entrevistado tamén pola Radio dos Gatos, destacou a profesionalidade de ASPACE Coruña na atención das persoas con parálise cerebral.
"Vou moi impresionado non soamente polo labor que están a facer os profesionais e equipo directivo, senón tamén polo labor das persoas que se benefician desta institución", afirmou, engadindo que vir a ASPACE Coruña debería ser unha "visita obrigada" para moita xente para que se coñeza a realidade e o día a día das persoas con parálise cerebral.
Na visita o alcalde se amosou favorable a retomar os torneos solidarios a favor de ASPACE Coruña no Campo de Golf de Miño.
Arquivada en:
A Asociación > Colaboradores